O Laboratorio da Infancia arrinca este mes de novembro cunha saída polo Camiño Portugués, talleres de escalada no Multiúsos da Xunqueira e obradorios de observación de aves nas Marismas de Alba

90

Unha saída por un treito do Camiño Portugués na parroquia de Tomeza, dous talleres de escalada no Pavillón Multiúsos da Xunqueira e tres observatorios de aves nas Marismas de Alba conforman o cronograma de actividades cos que o proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento europeo (financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), inicia a súa actividade nesta primeira quincena de novembro. A empresa adxudicataria Marexada xa recolleu un total de 65 solicitudes de centros educativos para participar nas actividades ofertadas para este curso académico 2021/2022, das que 20 xa están pechadas para desenvolver entre os meses de novembro e decembro.


Os talleres están centrados nas materias de educación e concienciación medioambiental, prácticas deportivas, sustentabilidade, economía circular e vida saudable, ofertándose unhas cinco actividades/saídas por colexio. A primeira delas celebrarase este martes 2 de novembro, no que 21 alumnos de 3º curso do CEIP San Andrés de Xeve poderán practicar escalada no Multiúsos da Xunqueira entre as 11:20 e as 12:50 horas.


O programa continuará o mércores 3 de novembro cunha saída de 25 alumnos de 6º curso do CEIP A Xunqueira por un tramo do Camiño Portugués (polo contorno de Tomeza) entre as 10:50 e as 12:50 horas e o xoves 4 de novembro cunha observación de aves nas Marismas de Alba na que participarán 22 escolares de 6º curso do CEIP Cabanas entre as 10:50 e as 12:20 horas.


As actividades retomaranse o martes da seguinte semana, 9 de novembro, no que o alumnado de 6º curso do colexio de Cabanas (22 rapaces) desfrutará do obradoiro de escalada entre as 11:20 e as 12:50 horas, mentres que para o mércores 10 está previsto un novo observatorio de aves no que tomarán parte 14 alumnos de 2º curso do CEIP Plurilingüe Froebel entre as 10:50 e as 12:35 horas. “Esta primeira quenda de actividades pecharase o xoves 11 de novembro con outro observatorio de aves que realizarán 22 nenos de 2º curso do CEIP San Martiño, tamén en horario de 10:50 a 12:20 horas. A empresa Marexada continúa a efectuar chamadas aos centros para pechar datas e facilitar os formularios de inscrición a aqueles colexios que aínda non os cubriron”, avanza o tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández.


Non obstante, a Concellería de Educación enviou a tódolos centros do municipio no mes de setembro un email con toda a información básica deste proxecto (data, horario, actividade…) e dous documentos adxuntos: un con indicacións para os participantes (levar calzado cómodo, merenda…) e unha folla de participación a cubrir polo centro (na que deben indicar datos da aula, número de participantes, persoas do centro que irán á saída…). Unha vez finalizada a saída, dita folla será firmada polo titor/a do grupo a modo de confirmación do número de participantes e da propia realización da actividade.


As actividades ofertadas están seleccionadas en función dos diferentes treitos de idade. Así, para 1º a 6º de Primaria propóñense a cobertura dun tramo do Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Pontevedra; a visita ao Parque Etnográfico das Cabanas Prehistóricas de Outeiro das Mouras (Salcedo); escalada no Pavillón da Xunqueira; o Roteiro dos Segredos de Ponte Sampaio; unha ruta polos Muíños do Batán, e observación de aves nas marismas de Alba, mentres que para o treito de 1º, 2º e 3º de Primaria deseñouse un específico de viaxe no tempo pola ruta de Gatomorto (en Santa María de Xeve), e para o de 4º, 5º e 6º de Primaria un de kayak no Pontillón do Castro, un de xeocaching na Fracha e unha ruta guiada de interpretación ambiental pola senda do río Lérez.


Tino Fernández lembra que o proxecto Laboratorio da Infancia enmárcase dentro das accións a desenvolver na Estratexia de Desarrollo Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra ‘Máis Modelo Pontevedra (Edusi), no que se contempla unha liña de accións dirixida aos centros educativos. Entre os seus obxectivos inclúense:


a) A educación e concienciación ambiental, sustentabilidade e economía circular: talleres con contido pedagóxico que expliquen os valores do mundo rural e natural, mediante a visita guiada aos parques forestais situados ao redor de Pontevedra, especialmente o que se está conformando a través da Edusi con cofinanciamento Feder na Fracha, pero tamén ao resto de espazos naturais e parques forestais da cidade.


b) A educación e concienciación deportiva: quérense potenciar os recursos deportivos e tamén do medio natural, con talleres vinculados á práctica deportiva e á vida saudable (entre outros, talleres de remo/ piragüismo no Lérez ou de escalada no Pavillón da Xunqueira, remodelado dentro do mesmo marco).