O Concello recibe dúas solicitudes de licenza para a instalación de dous novos supermercados de proximidade na cidade

693
Ambas as dúas peticións están remitidas pola cadea de alimentación alemá Aldi; unha para o interior de Vialia, outra para a avenida de Lugo
O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, tamén deu conta do proxecto presentado por Pepe Vieira para reconverter o edificio da antiga Ferretería Varela nun novo restaurante

A concellaría dirixida por Xaquín Moreda deu conta esta mañá de martes, 28 de decembro, dalgunhas das últimas novidades acontecidas na área ao longo dos últimos tempos. O edil recolleu e fixo fincapé na solicitude de licenza de dous supermercados de proximidade que procuran os permisos precisos para abriren na cidade. Ambas as dúas están presentadas pola mesma compañía, a cadea de alimentación alemá Aldi. Unha delas é para a avenida de Lugo, ao carón da gasolineira, e a outra para Vialia.

A apertura destes novos supermercados serían o primeiro desembarco desta marca na cidade. «O máis singular é o de Vialia porque é un proxecto que transformará o espazo que hoxe coñecemos», sinalou o edil. «Terá unha planta baixa de 1.588,45 metros cadrados e un soto de 2.100,29 metros cadrados».

O proxecto que Aldi ten para o espazo ao carón da estación de tren remodelará por completo o espazo común da entrada actual que dá a Eduardo Pondal. Tanto é así que este desaparecera para dar paso ao supermercado, que abrirá a súa entrada polo lateral que queda fronte á parada de taxis, antes da outra entrada para o edificio que fai esquina nesa mesma beirarrúa.

O supermercado de proximidade ocupará boa parte da planta baixa do edificio, todo o que era o antigo restaurante aló instalado, o vestíbulo, a sala de xogos e o resto de baixos situados no que hoxe é a entrada principal. Tamén desaparecerán os despachos de billetes do cinema da cidade, que o día de mañá terá a súa entrada pola esquina anteriormente nomeada.

Ademais, no soto, serán eliminados todos os elementos que no seu día foran instalados para o antigo ximnasio que chegou a albergar esta zona, que tamén contaba con piscina. Serán substituídos por prazas de aparcadoiro soterrado, quedando un total de 68 novas prazas.

Doutra banda, na última comisión de urbanismo, celebrada a pasada semana, aparecía a solicitude de licenza do chef Pepe Vieira para a rehabilitación o edificio da antiga Ferretería Varela e situar neste espazo o seu novo restaurante. 

Segundo o explicado polo edil, o proxecto foi á comisión de urbanismo para ditaminar tres cuestións a desenvolver no proxecto. A primeira sería mudar o uso exclusivo do edificio, validar a entreplanta que non viña recollida no Peprica e a recuperación dos ocos de fachada para repoñer o estado inicial do edificio. Terá unha superficie útil de 881,39 metros cadrados de superficie útil.

Moreda finalizou a súa comparecencia sinalando que o interese da marca de alimentación, xunto coa decisión dun reputado chef coma Pepe Veira de querer seguir apostando pola cidade, é unha proba do bo intre que está a atravesar Pontevedra á hora de acoller e dar a benvida a novos proxectos e negocios.