Catro candidaturas optan aos 
Premios Cidade de Pontevedra 2021

134

O Concello de Pontevedra pechou o pasado mércores, 5 de Xaneiro, o rexistro para presentar candidaturas aos Premios Cidade de Pontevedra 2021, co obxecto de recoñecer o labor desenvolvido tanto por persoas físicas como xurídicas no último ano e a proxección de Pontevedra e os pontevedreses e pontevedresas derivada disto.

Nesta nova edición foron catro as propostas formalizadas, tres na modalidade de persoa física e unha na de persoa xurídica. Son as seguintes:

Persoas físicas:

  • Carmen Quinteiro Moreno, mestra no CEIP A Xunqueira. Esta candidatura foi presentada pola ANPA Celso Emilio Ferreiro.
  • Leonor González PrietoNené’, xubilada e activista a prol da defensa da ría de Pontevedra. A súa candidatura foi presentada por un grupo de particulares.
  • Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel, catedráticos e profesores xubilados de Lingua Galega e Literatura. A súa candidatura foi presentada por diversos colectivos, entre os que aparecen varios IES da cidade.

Persoas xurídicas

  • Club Tenis de Mesa Monte Porreiro, unha candidatura presentada pola empresa Fisioterapia Pontevedra S.L.

A reunión do xurado está prevista para o vindeiro xoves, 13 de xaneiro, e os galardóns serán entregados nun pleno extraordinario de honra que terá lugar o 20 de xaneiro, festividade de San Sebastián, seguindo a tradición habitual.