Pontevedra ultima o contrato de residuos que será “unha auténtica revolución ambiental”

13
Raimundo González explicou esta mañá que se trata dunha transformación radical na concepción do tratamento dos residuos e suporá o arranque da economía circular no Concello, baseada en criterios ambientais para primar ou penalizar a prestación.
A reutilización do residuo, o cumprimento das porcentaxes de reciclaxe, a implicación do concesionario, o emprego de maquinaria “limpa” ou o control da prestación do servizo son os obxectivos ambientais nos que se basea o novo contrato
Terá un custe de 10,7 millóns de euros e licitarase por 20 anos. 

O concelleiro responsable da xestión dos Residuos, Raimundo González informou esta mañá que o novo contrato de xestión de residuos, que está a piques de rematarse, será “unha transformación radical, unha auténtica revolución” a dous niveis: na prestación do servizos aos cidadáns e a nivel ambiental. Este contrato suporá “o despregue da economía circular no Concello e unha redución substancial da pegada de carbono en Pontevedra”, segundo explicou o concelleiro.

Este ambicioso contrato baséase en obxectivos ambientais. O primeiro é o relativo á consideración do lixo. “Até o de agora os residuos tiñan unha consideración negativa, pero hoxe en día é un recurso, porque se vai a volver a utilizar directa ou indirectamente”, explicou Raimundo González. É dicir, será un recurso de tal xeito que se primará/penalizará “que se queime a mínima expresión”.

O segundo obxectivo ambiental é o relativo ás porcentaxes de reciclaxe. No ano 2025 a Unión Europea esixe que sexa o 55% da produción xeral de residuos, que se incrementará ao 60% en 2030. “A nosa aspiración é superar esa porcentaxe de mínimos legais”, indicaba González.

O terceiro dos obxectivos ambientais é a implicación do xestor ou concesionario. A súa implicación na prestación do servizo ten que ser tanto na redución do residuo como na súa reciclaxe. A empresa concesionaria será a primeira interesada en que funcione o servizo porque de non ser así,  a súa retribución será menor. “É dicir, non ten unha contía garantida” indicaba Raimundo González, polo que se priorizarán os aspectos ambientais: máis compostaxe, menos CO2… que implicará un incremento da retribución, é dicir, empresa terá a posibilidade de gañar “bonus” buscando a excelencia do servizo.

O cuarto obxectivo ambiental é o parque de maquinaria. O contrato recolle que o 14% dos vehículos de 25 ou 26 toneladas teñen que ser limpos (e dado que non existen vehículos eléctricos destas características, deberán ser a gas). Trátase dun 4% máis do que esixe a normativa. Ademais, disporá de maior puntuación aquela empresa que ofreza máis vehículos limpos, con independencia dos eléctricos de menor tonelaxe que esixirá a licitación, cando menos, 5 da flota xeral da concesionaria na cidade.

O quinto obxectivo ambiental está relacionado coa estrutura organizativa do servizo. Na actualidade existe un técnico municipal e un vixiante encargado do seguimento do actual contrato. No futuro está previsto o incremento de persoal a este respecto tanto na administración como na concesionaria, de tal xeito que se potenciará a inspección, a vixilancia, o control e faranse campañas de sensibilización.

Actividades do contrato

As actividades contempladas neste novo servizo van dende a pre-recollida que marca as rutas de recollida, a colocación de colectores e papeleiras… até a recollida, transporte dos residuos, recollida e clasificación en planta, control de composteiros e tratamento dos residuos. Propón, polo tanto, unha xestión integral de todos os residuos municipais.

Tamén está previsto o incremento do capítulo de persoal que se aumentará un 50% pasando de 106 a 163 traballadores e traballadoras, dos cales 25 estarían adscritos á nova planta de tratamento.

O novo contrato cuxa redacción está a piques de concluírse terá unha duración de 20 anos, suporá un investimento de 23 millóns de euros entre os que se atopan a maquinaria ou a planta de compostaxe da Canicouva valorada en 10,3 millóns, e terá unha licitación de 10.700.000 euros.

“Vai a ser unha auténtica revolución tanto ambiental como no servizo. Será un contrato innovador, de vangarda e singular digno do século XXI”, afirmou o concelleiro Raimundo González quen asegurou que “significa un cambio no paradigma en materia de residuos”, e que non suporá o incremento de recibo que bimensualmente pagan os veciños e veciñas de Pontevedra.