Yoya Blanco, Eva Ballarín, Iñaki Bretal e Elena Vitoria protagonizarán o vindeiro martes 8 de febreiro unha xornada online de información e inspiración para a presentación de proxectos gastronómicos á aceleradora e incubadora Capital Gastro Lab

28

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; a experta en Turismo & Horeca (Hoteis, Restaurantes e Cátering) Eva Ballarín; o chef estrela Michelin Iñaki Bretal, e a directora de Pontevedra Capital Gastro, Elena Vitoria, protagonizarán o vindeiro martes 8 de febreiro ás 17:00 horas unha xornada dixital de información e inspiración para a presentación de propostas á aceleradora e incubadora de proxectos gastronómicos Capital Gastro Lab. A cita online será de balde e estará aberto a todo aquel que desexe participar, podendo seguirse a través do enlace de Zoom https://us06web.zoom.us/j/89558569373.


Ballarín, madriña de honra da iniciativa e investigadora e divulgadora independente de tendencias, innovación e estratexia en turismo, hostalería e restauración (considerada unha das 150 persoas máis influíntes do mundo do turismo e unha das mulleres máis influíntes da gastronomía española), manterá unha conversa con Blanco e Bretal, orientando aos participantes no coloquio sobre o tipo de proxectos que poden ter encaixe neste Gastro Lab. Elena Vitoria encargarase de solventar todas aquelas dúbidas de carácter técnico en relación ás bases da convocatoria, que poden consultarse na web do Concello de Pontevedra a través do enlace https://www.pontevedra.gal/capital-gastrolab/.


Tal e como sinala Yoya Blanco, “a Concellería de Promoción Económica e Turismo publicou o pasado mes as bases e os criterios que rexen o proceso de selección das propostas do Gastro Lab, abrindo así un prazo ata o día 28 de febreiro para que todos aqueles profesionais e emprendedores interesados presenten as súas propostas”. Esta incubadora de proxectos permitirá establecer criterios profesionais á hora de emprender ou innovar en empresas xa existentes, achegando aos empresarios dos sectores da restauración e a alimentación as claves para levar a cabo iniciativas exitosas, que dinamicen a economía da cidade e xeren postos de traballo.


Entre os requisitos de participación inclúense o de presentar proxectos deseñados en ou desde o municipio de Pontevedra e o de que as empresas prestadoras dos servizos que sexan aboadas cos 18.000 euros previstos polo Concello como premio estean ubicadas na cidade. Os proxectos deberán ser presentados exclusivamente a través do formulario que se atopa na web do Concello de Pontevedra (https://forms.gle/FdWEwQ8qKcCykEjE6), en pdf, cun máximo de 5 páxinas en letra Arial e de tamaño 11 e facendo constar os seguintes epígrafes: presentación e breve descrición; idea xeral; obxectivos; estrutura ou reestruturación de negocio e cronograma. Cubrindo esta solicitude aceptaranse as bases e as súas obrigas como participante.

A puntuación dos proxectos levarase a cabo atendendo aos criterios de impacto na cidade (emprego, economía local…), responsabilidade social, viabilidade, sostibilidade, innovación, dixitalización, redacción técnica da proposta e implicación da empresa/persoa física.


O Capital Gastro Lab conta coa implicación de Eva Ballarín, vogal electivo do Consello Nacional de Turismo de España (Conestur), autora do Manual para Neo Hosteleiros Valentes e directora do maior congreso Horeca de Europa, e de diferentes entidades públicas e privadas para crear dous grupos de expertos. O primeiro deses grupos será o encargado do estudo e a selección dos 6 mellores proxectos, así como o que compoña o xurado que outorgará o premio final. O segundo será un grupo de expertos específico, que se encargará da mentorización individual e o acompañamento para a presentación pública do plan de negocio.

Poden obter máis información sobre esta iniciativa no número de whatsapp 617 356 472.