O Concello volve a contratar a limpeza Covid extraordinaria dos centros de ensino ante a inacción da Xunta

0
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías explicou que a Xunta de Goberno aprobou esixir da Xunta máis persoal para o PAC da Parda e, en xeral, para todos os centros de ensino do Concello porque “só nos faltaba que os concellos tiveramos que asumir esas responsabilidades” 

A Xunta de Goberno local aprobou esta mañá a contratación por procedemento de emerxencia o servizo de limpeza e desinfección extraordinaria nos centros de ensino do concello por valor de 139.112,20 euros no período do 1 de febreiro ao 30 de xuño de 2022. Trátase dun servizo que presta a administración municipal extraordinariamente e fóra das súas competencias por mor da pandemia da Covid.

A portavoz do Goberno Anabel Gulías explicou esta mañá que se tratan de gastos extraordinarios e lembrou que “sempre que houbo que facer un esforzo reforzando protocolos de limpeza puxemos todos os recursos enriba da mesa”, pero tamén aclarou que “os gastos extraordinarios que se fixeron ao respecto da Covid non eran competencia dos concellos. Estabamos asumindo moito gasto sen recibir máis financiamento por parte da Xunta, que si recibía doutras administracións”.

“Eses gastos extraordinarios non deben ser soportados polo Concello porque a cuestión práctica é que redunda na mingua de servizos que se poden prestar dende os concellos”, explicou a portavoz do Goberno.

Aproveitou a ocasión para informar do acordo tomado na Xunta de Goberno Local no que se lle demanda á Xunta de Galicia que solvente os problemas xurdidos no PAC da Parda relativos a “falta de previsións e anticipación, falta de profesionais e listas de espera interminables”.

“Temos que ser leais coas institucións pero temos que ser máis leais cos veciños e veciñas de Pontevedra que están sufrindo unha cuestión imposible” con falta de persoal e medios por un período de tempo “demasiado longo que se corresponde co desmantelamento da sanidade pública”. De feito tamén ironizou que “so faltaba que os concellos tiveramos que asumir esas responsabilidades. A escusa da pandemia xa pasou”.