A Vida é Movernos e a Asociación Española contra o Cancro en Pontevedra porán en marcha o vindeiro mes a terceira edición do programa Rutas Saudables

91
  • As andainas son totalmente gratuítas, están dirixidas á poboación en xeral e teñen o obxectivo principal de combater o sedentarismo. Contarán dous grupos dun máximo de 10 persoas: mércores ás 17:00 horas e xoves ás 10:30 horas
  • Os itinerarios desenvolveranse en cinco áreas diferentes da cidade e cada grupo deberá completar 12 semanas de actividade. As inscricións poderán realizarse a través do teléfono 900 100 036 ou do email pontevedra@contraelcancer.es

Cinco itinerarios de entre cinco e seis kilómetros que se desenvolverán de xeito rotatorio durante 12 semanas conforman a atractiva proposta da III edición do programa Rutas Saudables, impulsado pola Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra en colaboración co proxecto da Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde ‘A Vida é Movernos’. Baixo o lema de ‘En marcha contra o cancro’, as andainas poranse en marcha o día 9 de marzo e contarán con dous grupos dun máximo de 10 persoas: o mércores pola tarde, ás 17:00 horas, e o xoves pola mañá, ás 10:30 horas.

A iniciativa, totalmente de balde e dirixida a toda a poboación, co principal obxectivo de combater o sedentarismo, foi presentada esta mañá no Concello nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Actividade Física e Saúde, Tino Fernández; a presidenta provincial da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, Carmen Abeledo, e a técnica de Prevención da entidade, Rebeca Castro. Segundo explicou o edil do PSOE, “os itinerarios completaranse de forma alternada por cinco áreas diferentes da cidade: a Xunqueira da Gándara, o río dos Gafos, a avenida de Marín, a Illa das Esculturas e o contorno do Mirador de Monte Porreiro (os tres primeiros roteiros terán saída desde a Praza de Galicia, mentres que os outros dous partirán da Praza de Barcelos)”.

As camiñadas terán unha duración de entre 60 e 90 minutos e os itinerarios irán rotando ao longo de 12 semanas (do primeiro ao quinto e volta a comezar). 

Non se estableceu un calendario concreto de datas para cada un dos percorridos, xa que no caso de que algún deles teña que aprazarse por mor do mal tempo, ampliaríase unha semana a data de finalización do programa. Todas aquelas persoas que desexen participar deberán inscribirse previamente a través do teléfono 900 100 036 ou do email pontevedra@contraelcancer.es.

Tino Fernández avanzou a súa intención de que este 2022 se converta “no ano da saúde, onde a prevención e a concienciación sexan un elemento fundamental de traballo para toda a Concellería de Deportes e Saúde, de aí proxectos como a Feira da Saúde, A Vida é Movernos e outras iniciativas nas que estamos a colaborar”. O tenente de alcalde agradeceulle á Asociación Española Contra o Cancro a súa disposición a colaborar co Concello “e a imaxinar e poñer en marcha propostas que van máis aló do fomento da actividade física: as Rutas tamén teñen un aspecto de socialización que nos parece moi importante”. 

“A Feira da Saúde deste ano vai estar moi centrada na loita contra a depresión, a ansiedade e a tristeza, que xa existían na nosa sociedade, pero que a pandemia agudizou. Camiñar, á marxe do que significa como exercicio físico (ás veces a única actividade que algunhas persoas poden realizar), permite atoparnos, charlar, botar unhas risas, contar uns chistes… Ten polo tanto un efecto socializador que axuda a loitar contra esa tristeza e angustia que nos provocou a pandemia e a recuperar as gañas de sorrir e de pasalo ben”, subliñou o edil do PSOE.

A presidenta da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra indicou que existe “un 50% dos casos diagnosticados de cancro que se poden previr”, polo que un dos piares básicos de actuación da entidade “é a prevención e promoción da saúde”. Carmen Abeledo matizou que “ter información non é suficiente para que a poboación modifique os seus hábitos”, senón que o contorno no que se vive é algo fundamental, “e por ese motivo nace o proxecto de Rutas Saudables, tentando que neste contorno da cidade de Pontevedra existan alternativas gratuítas e abertas a toda a poboación, para que iniciarse na actividade física sexa un pouco máis sinxelo”.

Pola súa banda, Rebeca Castro incidiu en que o principal obxectivo do programa “é incrementar o nivel de actividade física das persoas sedentarias de Pontevedra”, xa que “sabemos que unha de cada tres persoas é sedentaria no seu tempo de lecer e que o sedentarismo, xunto cunha mala alimentación e o consumo de tabaco e alcohol, é un dos factores de risco máis importantes para padecer enfermidades non transmisibles, que á súa vez son as responsables de nove de cada dez falecementos”.

“Se collemos o sedentarismo de forma illada, é o responsable do 6% das mortes en todo o mundo e incrementa o risco de padecer cancro de mama e de pulmón entre un 20 e un 25%. Consciente deste problema social, a Asociación Española Contra o Cancro -asegurou a técnica- inclúe as Rutas Saudables dentro dos seus proxectos básicos de prevención. Non significa só promover unha vida activa, senón que se pretende construír un espazo de encontro social e incrementar o benestar físico e emocional”.

Castro precisou que, coa finalidade de que os itinerarios sexan accesibles para todo o mundo, “estará permitido acudir con mascotas e con carriños e cadeiras infantís, xa que son percorridos sen desniveis e con poucas dificultades no terreo”. Segundo constatou, “a diferencia doutras alternativas para facer actividade física que existen, queremos acompañar aos participantes para que realicen exercicio físico periódico, polo que as persoas que se inscriban non se inscribirán a rutas illadas, senón ás 12 previstas, a un programa completo de 12 semanas”. “A OMS recomenda, a partir dos 15 anos, a realización de entre 150 e 300 minutos de actividade física aeróbica moderada cada semana. Neste caso, as Rutas teñen unha duración menor, porque pretenden ser unha vía de entrada ou porta a que a xente se inicie na actividade física ou complementar outras actividades que os participantes veñan efectuando para chegar a ese mínimo”.

De cara a manter a adherencia á actividade, entregaráselle a cada participante un pasaporte con formato tarxeta que, polo seu reservo, disporá de 12 cadradiños para ir selando cada semana que acude, de maneira que poida ser consciente da súa porcentaxe de participación nas Rutas. Aqueles que acaden un 70% de participación terán unha recompensa final.

Os dinamizadores destes itinerarios serán voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra. Ademais, contarase con diferentes profesionais que acompañarán as andainas e as complementarán con actividades e charlas en materia de saúde e outros temas relacionados.