O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a convocatoria das subvencións para os proxectos educativos das Asociacións de Nais e Pais (Anpa) durante o curso escolar 2021-2022

177

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe o extracto da convocatoria para a concesión das axudas ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Anpa) que desenvolvan accións no eido da educación durante o curso escolar 2021-2022, ás que a Concellería de Educación destinou unha achega económica de 24.670 euros. As bases completas desta convocatoria atópanse no enlace https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/610682 e os anexos a cubrir poden descargarse da sede electrónica do Concello de Pontevedra, onde as Anpa deberán presentar as correspondentes solicitudes: https://sede.pontevedra.gal/public/catalog/catalog-index.xhtml (o acceso non estará visible ata o inicio do prazo, que comeza mañá, 19 de febreiro, e remata o 19 de marzo).


A convocatoria publicada regula o procedemento da concesión de subvencións, en réxime de libre concorrencia, que teñen por obxecto fomentar as actividades no eido da educación e tódalas súas facetas que promovan as Anpa de centros educativos do concello de Pontevedra mantidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de primeiro ou segundo ciclo de Educación Infantil e/ou ensinanzas obrigatorias. Tal e como lembra o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “as axudas destinaranse a proxectos e accións que promovan actividades dirixidas á comunidade educativa en xeral e consideradas de interese educativo, entre as que se inclúen as de fomento do deporte, promoción da cultura e ocupación do tempo libre”.


A contía da subvención estará en función do custo dos programas/actividades, sendo o mínimo establecido a conceder de 500 euros ou a parte proporcional en función do custo total da actividade. En ningún caso o importe da axuda poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, supere o custo total da actividade a desenvolver polo/a beneficiario/a. A porcentaxe subvencionable polo Concello non poderá exceder do 50% do custo da actividade a que se aplique.