Pontevedra conta cun número de puntos de recarga para vehículos eléctricos que duplica a media europea e española

139
A día de hoxe o municipio conta con 21 espazos onde poder realizar a recarga, tendo 109 vehículos enchufábeis censados
Perante estes datos, o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, sinala que Pontevedra estaría moi ben situada na promoción do vehículo eléctrico que esixe a Lei de cambio climático e aínda conta cunha ampla marxe de medra neste parque de automóbiles 

O Concello de Pontevedra continúa avanzando na redacción do seu Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) ao tempo que a fase de diagnose da creación deste documento achega datos relevantes sobre o funcionamento da cidade e ofrece algunhas breves conclusións en determinados eidos, coma pode ser a relacionada cos vehículos eléctricos e a súa interacción coa cidade.

A día de hoxe, Pontevedra conta cunha rede conformada por 21 puntos de recarga para vehículos distribuída do seguinte xeito:

  • 8 puntos de recarga en aparcadoiros
    • No Mercado Municipal (2)
    • No Central (3)
    • No da Praza do Concello (3)
  • 1 punto de recarga en estacións de servizo
    • Estación de Servizo Repsol de Mollavao —está instalado, comezará o seu funcionamento en breve—
  • 8 puntos de recarga en supermercados
    • Aparcadoiro de Santa Clara (2 lentos e 2 rápidos)
    • Carrefour Pontevedra (2)
    • Aparcadoiro de Mercadona en Pasarón (2)
  • 4 puntos de recarga noutros equipamentos
    • Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (2)
    • Tanatorio San Marcos (1)
    • Nissan Roipesa (1 para vehículos Nissan en horario laboral)

Doutra banda, hai censados en Pontevedra un total de 109 vehículos enchufábeis que poden ser repartidos en dous grupos diferentes, tendo por un lado os vehículos eléctricos de batería, que funcionan en exclusiva con esta enerxía e os vehículos híbridos eléctricos enchufábeis, que poden tamén funcionar con combustíbel, gasoil ou diesel.

Tendo en consta estes datos, a Boa Vila contaría cun ratio de 5,2 vehículos eléctricos por cada punto de recarga. Seguindo o informe publicado pola Asociación Empresarial para el Desarrollo e Impulso de la Movilidad Eléctrica (AEDIVE), este ratio non só estaría moi por riba da media en España, que se sitúa nos 11 vehículos por punto de recarga en todo o estado, senón que sería máis do dobre. O mesmo ocorre en Europa, onde hai de media 12 vehículos para cada punto de recarga.

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, atopa estes datos realmente positivos, pois o municipio tería aínda unha ampla marxa de medra para o seu parque de vehículos enchufábeis e, polo tanto, para cumprir a esixencia normativa de colaborar na promoción dos vehículos eléctricos que impón a lei de 7/2021 de Cambio climático para as zonas de baixas emisións (ZBE).

Nese sentido, o edil lembra que esa promoción pode ser feita reforzando o modelo Pontevedra que opta por non cobrarlle á veciñanza por circular ou estacionar na cidade nin a realizar un investimento tan potente como a compra dun vehículo con etiqueta Eco fronte ás ZBE que impulsan as leis de cambio climático e de mobilidade sustentábel.