Promoción Económica ‘pon ao choio’ aos pontevedreses e pontevedresas na busca de emprego

125

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, estará mañá na Casa Azul para seguir de preto o desenvolvemento do programa de mellora da inserción laboral ‘Ponte ao Choio! Desenvolvendo o teu futuro’, cuxo Circuíto Curricular e charlas terán lugar durante as xornadas de mañá e do sábado. Trátase dunha iniciativa na que, como sinala a edil socialista, “o principal obxectivo é o de ofrecerlles aos pontevedreses e pontevedresas un asesoramento integral no proceso de busca de emprego, contando para elo cun ‘dream team’ de profesionais de diferentes ámbitos que axudarán de balde ás persoas participantes a optimizar a súa imaxe e ‘venderse’ mellor: Noela Quintana, consultora en RRHH e formadora; Beatriz Císcar, fotógrafa profesional, e Damián Pazos, da firma Pixelecer Audiovisual e experto na confección de videocurrículos”.

A través deste programa, os asesorados e asesoradas poderán adquirir un papel activo no seu proceso de procura de emprego, así como unha formación, adestramento e imaxe persoal que melloren as súas posibilidades de inserción laboral. Deste xeito, achegaránselles as ferramentas necesarias para crear un CV único e orixinal, axustado á súa profesión ou obxectivo profesional, así como material gráfico de calidade (fotografía e videocurrículo) que poidan utilizar en función das súas necesidades, xa sexa online ou offline.Entre as accións deseñadas inclúese un Circuíto Curricular que se desenvolverá en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas e que está integrado por tres áreas de intervención diferenciadas: asesoramento do currículo, fotografía curricular e videocurrículo. Asemade, mañá pola tarde celebrarase un obradoiro/charla titulado ‘Que di o teu CV de ti?’ e o sábado outro sobre ‘Como afrontar unha entrevista de traballo’, ámbolos dous en horario de 18:00 a 20:00 horas.


No primeiro dos obradoiros, as persoas participantes aprenderán técnicas para elaborar un bo CV, coa finalidade de transmitir de forma axeitada o seu perfil profesional nos procesos de selección nos que participen. Este taller organizarase de dous xeitos: en sesións individuais ou reunións ‘one to one’ de 25 minutos (con reserva previa) nas que os participantes terán unha sesión coa orientadora, centrada en analizar o seu CV e establecer melloras personalizadas en función da súa experiencia profesional, habilidades, competencias; e nunha sesión grupal con enfoque práctico e participación activa, na que a orientadora exporá aos asistentes pautas, ideas, consellos, recomendacións e boas prácticas de formato e contido para a correcta redacción e estruturación do CV e/ou carta de motivación (que información incluír, erros típicos, uso de plantillas…), así como ferramentas innovadoras para a promoción persoal (CV 2.0 ou CV dixital, videoCV ou perfil profesional na rede).

No obradoiro/charla sobre ‘Como afrontar unha entrevista de traballo’, as persoas que participen poderán aprender técnicas de preparación dunha entrevista de traballo para acadar o éxito, expoñéndoselles a estrutura xeral dunha entrevista, tipoloxía, probas psicotécnicas e dinámicas de grupo, preguntas frecuentes, que facer antes e despois da entrevista e consellos para o seu desenvolvemento. O enfoque desta sesión será práctico, levándose a cabo exercicios de ‘role playing’ e simulacións de entrevistas entre os participantes.


O Circuíto Curricular disporá dun apartado de fotografía profesional, no que Beatriz Císcar realizará fotografías en alta calidade axeitadas á tipoloxía de perfil de cada persoa, xa sexa para CV ou para redes sociais vinculadas á procura de emprego. Con este tipo de fotografía búscase transmitir a personalidade e reflectir os valores, actitude e presenza das persoas participantes. Para conseguilo, crearase un contorno de creatividade, utilizando diferentes fondos (branco e madeira) e fomentando a interacción coa persoa a retratar, creando un ambiente distendido e adecuado para sacar o mellor de cada unha delas.


No que atinxe á terceira pata deste asesoramento integral, a da creación do noso propio videocurrículo, os asistentes aprenderán a elaboralos de dous tipos:


1. Videocurrículo express: un vídeo máis rápido e sinxelo, para a xente que non pode contar demasiado no currículo e non necesita adornalo innecesariamente.


2. Videocurrículo estándar, que ademais de ter os puntos clave do videocurrículo express, profundiza na experiencia e naquelo que poda contar o suxeito se o require.