O ‘jogo bonito’ chega a Pontevedra da man do programa municipal A Vida é Movernos

206
  • No marco do proxecto impulsado pola Concellería de Deportes e Actividade Física, a avenida de Montero Ríos acollerá tres xornadas de Fútbol a Pé de balde os días 8 de abril, 20 de maio e 17 de xuño, en horario de 16:00 a 21:00 horas
  • A actividade está pensada para persoas de tódalas idades, sen importar a súa condición física ou estado de saúde. Os interesad@s poderán inscribirse a través do número de teléfono/whatsapp 610 704 450 ou do email futbolapie@gmail.com 

O ‘jogo bonito’, o fútbol de toque e calidade, chega á nosa cidade da man do programa da Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde ‘A Vida é Movernos’. A avenida de Montero Ríos será escenario os días 8 de abril, 20 maio (dentro da Feira da Saúde PonteSán) e 17 de xuño de tres xornadas de divulgación de Fútbol a Pé de balde que se desenvolverán en horario de tarde, de 16:00 a 21:00 horas. A actividade está pensada para persoas de tódalas idades, sen importar a súa condición física ou estado de saúde, estando previsto que se desenvolva en sesións de media hora (en función dos inscritos poderían ser dunha hora) que incluirán unha parte explicativa das normas desta disciplina a cada grupo, un quecemento de cinco minutos, un partido e unha fase de volta á calma cun estiramento final impartido por un preparador físico.

A iniciativa foi presentada esta mañá na Praza de España nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o técnico deportivo superior en Fútbol Nivel 3 José María Rial, director de Fútbol a Pé, e o adestrador Manolo Núñez. Segundo explicou o edil do PSOE, “o fútbol a pé é unha nova alternativa de lecer, deporte e saúde inspiradora, divertida e libre de lesións, orientada a persoas de calquera idade, xénero e condición física, que queiran desfrutar do fútbol sen as esixencias que este deporte conleva”.

“Nestes momentos existe unha elevada porcentaxe de poboación maior ou que non atopa alternativas de lecer, saúde e deporte acordes coas súas expectativas, polo que A Vida é Movernos pretende ofrecer actividades que poida practicar calquera persoa. Así pois, as relacións sociais e o benestar emocional son os obxectivos fundamentais destas xornadas de Fútbol a Pé”, subliñou Fernández.

Entre os valores esenciais desta disciplina están os de traballo en equipo, compromiso, cordialidade, benestar, xogo limpo e crecemento físico e emocional, buscándose axudar ás persoas que a practican a manterse en movemento realizando unha actividade de baixo impacto e risco (camiñar) e recomendada pola OMS; aumentar a súa autoestima, diversión e socialización; estimular a concentración a través dunhas normas ás que se lle debe de prestar moita atención; acadar unha mellor condición física e de saúde, e promover as relacións sociais sen distinción de idade ou xénero nun ambiente de absoluta cordialidade, agradable e ameno.

Unha disciplina que xa se comezou a practicar en Pontevedra

Tal e como salientou o tenente de alcalde, o programa A Vida é Movernos “regresa cunha modalidade nova, pero que xa ten moito tirón e moito futuro, como é o fútbol a pé”. “Hai moita xente que se dedicou nos seus tempos a xogar ao fútbol ou que empregou o fútbol como deporte de referencia e que agora, co paso dos anos, non é capaz de adaptarse a outro tipo de actividade física, e esta disciplina permítelle recuperar esas sensacións. Ademais de fomentar o deporte para tódalas idades, xéneros, formas físicas e condicións, permite socializar, reunirse, botar unhas risas e pasalo ben, e nestes tempos tan duros nos que a tristeza e a depresión ás veces nos consumen demasiado, todo aquelo que nos axude a desfrutar sempre será ben visto por esta Concellería. Aquí en Pontevedra xa hai xente que practica fútbol a pé en algún dos campos do concello, polo que agardamos que estes talleres abertos permitan animar a moita máis xente”, asegurou Tino Fernández.

Neste mesmo sentido, José María Rial salientou que a filosofía do fútbol a pé “encaixa perfectamente na do programa A Vida é Movernos”, xa que se trata “dunha alternativa de lecer, deporte e saúde orientada ao maior número de xente posible, sen distincións”. Como apuntou Rial, “xa levamos dous anos e medio con isto, conta cunha grande aceptación e, de feito, temos un grupo dunhas 100 persoas que o practican”, sendo unha actividade que destaca polo seu eido social: “Temos exemplos de xente que non saía da casa ou que tiña problemas de relación e que volve atoparse con persoas da súa idade, que xogaban no equipo de xuvenís do pobo ou na súa pandilla de amigos”. Ademais, o director de Fútbol a Pé fixo especial fincapé no carácter interxeracional desta disciplina deportiva, contando con participantes que son da mesma familia. Concretamente, o venres virán unha nai e unha filla e un avó, un neto e un fillo.

As principais normas do fútbol a pé son as seguintes:

  1. Non se pode correr.
  2. Non hai contacto físico.
  3. Hai tres contactos de balón antes da acción técnica posterior.
  4. Para que un gol sexa válido, os xogadores do equipo atacante teñen que estar todos do medio campo para adiante (para tratar de que todo o mundo estea camiñando e pensando).
  5. Se un xogador do equipo que defende queda no campo contrario cando encaixa un gol, ese gol vale dobre.
  6. Os partidos xóganse nunha superficie de 60×30, o equivalente a un campo de fútbol grande cortado pola metade (un pouco máis pequeno que o de fútbol 7).
  7. Dispútase con cinco xogadores de campo máis o porteiro (dado que este último posto pode alternarse con xogadores de campo, dáselle superioridade numérica ao equipo que ten o balón).

Ao non poder realizarse entradas, as posesións de balón son longas e o fútbol resulta moi vistoso.

Os interesad@s poderán inscribirse a través do número de teléfono/whatsapp 610 704 450 ou do email futbolapie@gmail.com. Poden atopar máis información sobre esta actividade na páxina web www.futbolapie.com