O Concello mellora a seguranza viaria no CEIP de Campañó e crea un núcleo de centralidade de gran valor patrimonial

23

Ademais de mellorar a seguranza viaria na contorna do colexio e facilitar os desprazamentos a pé, tamén recuperará a fonte de Agriño para crear un espazo de estancia, e o lavadoiro da Vila en cuxa recuperación participou a veciñanza.

O custe estímase en 470.000 euros e está pendente das incorporacións que poidan facer a comunidade escolar e a veciñanza nun encontro que manterán cos concelleiros Pilar Comesaña e Alberto Oubiña o martes, 19 de abril. 

O Concello de Pontevedra licitará nas vindeiras semanas o proxecto de acondicionamento da contorna do Colexio de Parada, en Campañó, que mellorará a seguranza viaria en todo o seu ámbito. A proposta municipal estará financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) con cargo a Estratexia de Desenvolvemento Urbano e Sostible (EDUSI) “Máis modelo Pontevedra”, e completarase coa actuación en dous ámbitos máis, moi próximos ao colexio: a fonte de Agriño e do Lavadoiro da Vila, conectados co centro de ensino a través de camiños que tamén se tratarán nesta actuación.  

Este proxecto terá o tratamento dun espazo de centralidade parroquial, resultando unha oportunidade para recuperar espazos patrimoniais da parroquia que poderán ser incorporados ao currículo académico dos escolares pola proximidade ao centro de ensino.

O coordinador do Rural, Alberto Oubiña explicou esta mañá que se actuará na ordenación do interior e o exterior do centro. No interior mellórase o estacionamento dos autobuses, a vexetación e a integración rural do colexio. No exterior farase un axardinamento central que fixará un só carril de circulación pero que creará espazo suficiente para que poidan pasar os peóns.

O segundo espazo de actuación será a fonte de Agriño onde se creará un espazo de encontro e estancia con bancos, recuperando todos os elementos patrimoniais da fonte e tamén os paisaxísticos.

Finalmente tamén se mellorará o lavadoiro da Vila, un descubrimento para o equipo redactor do proxecto que contou coa colaboración dos vecinos do lugar que limparon todo o ámbito para coñecer o seu alcance. O espazo permitirá recuperar o lavadoiro tradicional volvendo a realizar outro espazo de lecer vinculado á auga.

As tres actuacións están realizadas con material pétreo, agás as vías do centro de ensino que irán en asfalto e adoquín. Os camiños que conectan os distintos ámbitos serán de xabre e os seus muros de formigón abugardado.

O coordinador do rural, Alberto Oubiña e a concelleira da parroquia de Campañó, Pilar Comesaña visitarán o centro de ensino o vindeiro martes para presentarlles o proxecto, e pola tarde manterán unha xuntanza coa veciñanza do lugar. Nestes encontros recollerán suxestións que incorporarán ao proxecto.

O custe inicial da obra aproxímase aos 470.000 euros e está pendente de completalo coas achegas que poidan facer os veciños e a comunidade escolar.