Accesibilidade, reforzos estruturais, recuperación de oficinas e almacéns, melloran as prestacións dos cemiterios municipais

48

A concellaría que xestiona Carmen Fouces iniciou un plan de posta a punto dos camposantos municipais que se irá completando ao longo do ano.

Acondicionou as oficinas de atención ao público de San Amaro, retirará a chimenea do crematorio que pasará a ser almacén, e comprará un desfibrilador para as emerxercias.

En Bora melloráronse as rúas, recuperáronse espazos de almacén para as brigadas e fixéronse traballos estruturais nos piares dos muros de peche.

En Campañó realizáronse obras de accesibilidade.

Lourizán e Ponte Sampaio recibirán proximamente novos bancos para o cemiterio. 

O Concello de Pontevedra iniciou 2022 cun plan de posta a punto dos cemiterios municipais (San Amaro, Bora, Campañó, Lourizán e Ponte Sampaio) que se irá completando ao longo deste ano con diversas actuacións. Trátanse de melloras estruturais nos muros de peche, sostemento das rúas entre panteóns, medidas de accesibilidade e seguridade e, incluso, o arranxo de oficinas e almacéns das brigadas de cemiterios onde gardan útiles de traballo.

A concelleira responsable do departamento, Carmen Fouces asegurou que “este plan vai máis aló do mantemento diario destes recintos municipais. O obxectivo é que resulten máis cómodos e seguros para todos os usuarios e usuarias, e tamén para os traballadores”.

Ao respecto do cemiterio municipal de San Amaro, o departamento fixo accesíbel a oficina do camposanto, substituíndo as escaleiras por unha rampla. Ademais mellorou todas as estancias desta oficina con criterios de eficiencia enerxética.

Entre as previsións dos vindeiros meses para San Amaro, está a retirada da cheminea do antigo crematorio. Trátase dunha estancia existente ao carón das oficinas que estaba en desuso desde fai anos e que o servizo transformará en almacén para os operarios. Este é o motivo polo que se retira a cheminea.

Tamén está previsto completar o equipamento do cemiterio coa compra dun desfibrilador para poder facer fronte a imprevistos que se poidan rexistrar no principal e máis grande camposanto do concello.

No cemiterio municipal de Bora, o servizo que xestiona Carme Fouces pintou por dentro os muros do recinto novo, e nos vindeiros meses os traballos completarasen co pintado exterior. Tamén repararon e reforzaron os piares dos muros de peche do cemiterio que se atopaban moi deteriorados co paso do tempo.

Arranxou as rúas entre os panteóns, formigonándoas e eliminando as fochancas, as herbas e os entullos que se atopaban en espazos entre panteóns

Na parte vella do cemiterio de Bora arranxouse a caseta do servizo de Cemiterios. Tratábase dunha estancia en moi mal estado debido ao desuso. Para transformala en almacén, acondicionaron o interior e restauraron a porta de peche repoñendo o cristal.

Tamén na zona antiga do camposanto, está prevista a limpeza do muro de pedra da fachada e o pórtico de entrada.

No cemiterio municipal de Campañó, o servizo acondicionou unha caseta que se atopaba moi deteriorada pola humidade e a condensación. Pintouna e reparouna para transformala en almacén para os operarios do departamento.

Tamén instalou unha varanda de seguridade nunha das rúas do cemiterio para evitar caídas. Tratábase dunha rúa que remataba en altura e non se atopaba protexida, o que supoñía un risco para os veciños e veciñas.

No cemiterio municipal de Lourizán, a Concellaría iniciará despois da Semana Santa a limpeza interior do muro de peche do cemiterio.

En Ponte Sampaio ao igual que no resto de camposantos municipais, está previsto a colocación de novo mobiliario (bancos) para uso dos veciños e veciñas que decidan achegarse a visitar aos seus seres queridos ou pasar unhas horas na tranquilidade dun cemiterio.