A planimetría de Santa Clara revela que as edificacións miden 5.600 m2, 1.200 m2 máis que os rexistrados en Catastro

355

O concelleiro de Patrimonio Histórico Xaquín Moreda presentou esta mañá os resultados do estudo planimétrico que demostran que a superficie total da parcela (intramuros) é de 12.500 m2, e a parcela libre supera os 10.000 m2

O concelleiro de Patrimonio Histórico e Urbanismo, Xaquín Moreda deu a coñecer esta mañá os datos dos estudos de planimetría do Convento de Santa Clara que vén de recibir o Concello de Pontevedra. As análises iniciáronse a finais do mes de novembro e concluíron hai unhas semanas e revelan que a parcela total de Santa Clara mide 12.575,21 m2, e a superficie construída (as edificacións) ocupan 5.602,84 m2.

Xaquín Moreda explicou que a planimetría é necesaria para coñecer a superficie real mercada polo Concello, xa que os datos de Catastro soen ser aproximados, e tamén para actualizar a ficha do Catastro e corrixir os datos municpais no Rexistro da Propiedade.

Ao tempo tamén serviron de base para licitar o contrato promovido pola Deputación provincial que permitirá realizar os estudos arqueolóxicos e históricos do convento. Este contrato resolverase nestes días.

O estudo consistiu no levantamento de toda a parcela e de todas as plantas dos edificios obtendo alzados, ortofotos dos alzados para coñecer en detalle como está o despece dos muros, e seccións que permiten explicar mellor a distribución do edificio. Xaquín Moreda lembrou que o Convento de Santa Clara “é un edificio complicado” por iso é preciso ter a maior información posible para saber que se pode facer no futuro.

A planimetría de Santa Clara ofrece datos reais sobre superficies, distribución e estrutura. Os principais son:

  • Intramuros: 12.575,21 m2 (máis ou menos correspóndese coa ficha do Catastro)
  • Extramuros: 212,68 m2
  • Parcela libre: 10.005,03 m2
  • Ocupación en planta: 2.570,18 m2
  • Superficie construída: 5.602,84 m2 (O rexistro do Catastro 4.419 m2)

O concelleiro indicou que nunha visita inicial realizada pola Oficina técnica municipal en 2021 ao Convento de Santa Clara xa se estimaba que a superficie construída superaba os 5.000 m2. Finalmente, os estudos planimétricos revelaron que son máis de 1.200 m2 máis dos que fixa o Catastro.