O Concello renovará e homoxeneizará as placas das rúas de todo o centro histórico de Pontevedra

37
As novas placas contarán coa nova marca institucional da cidade e estarán feitas dun material porcelánico de gran resistencia ás condicións climatolóxicas e meteorolóxicas
A edil de Réxime Interior, Anabel Gulías, explicou que o seguinte paso será tamén mudar as do resto da cidade, se ben, polo seu número, será un proceso diferente, combinando a substitución das mesmas mais tamén a súa modificación estética 

A expansión e implantación da nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra segue o seu camiño, un camiño que agora pasará pola renovación e homoxeneización das placas de todo o rueiro do centro histórico da cidade.

Esta homoxeneización corrixirá en boa medida a falta dese proceso que tivo lugar ao longo das décadas, até agora, e que derivou na posibilidade de atoparmos nas rúas da Boa Vila distintas formas de representar un mesmo elemento. «É un bo momento de impulsar este cambio, agora que contamos cunha nova marca institucional, na que todos e todas podemos vernos incluído, e que por vez primeira homoxeneizará todas as placas do centro histórico», sinalou a concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías. «Para nós a zona monumental é un punto fundamental da nosa cidade e que sempre tentamos coidar, polo que este proceso permitirá renovar tamén as placas que non estaban en condicións idóneas».

As novas placas terán un aspecto sinxelo e lexíbel, contarán coa tipografía oficial do Concello de Pontevedra e fará uso das súas cores corporativas. En total, co estudo previo realizado polo Concello para constatar esta necesidade de cambio, foron sinaladas 150 placas. «Nunca se fixera un proceso como este, e é certo que había placas que levaban desde tempos inmemoriais, polo que era preciso procurar e instalar novos elementos que fosen compatíbeis co deseño funcional, tendo en conta a visibilidade e o mantemento».

Entre todos os materiais, foi seleccionado un porcelánico que conta con gran resistencia ás condicións climatolóxicas e meteorolóxicas de Pontevedra e queda garantida a súa durabilidade. O tamaño da fonte poderá variar segundo o propio nome da rúa, que será sinalada na parte superior, namentres na parte inferior figurará o antigo nome da rúa en caso de habelo. O escudo figurará na parte superior dereita. 

«O seguinte paso é sacar este proceso a licitación, que queda nos 39.900 euros, IVE engadido, polo que será unha contratación menor», explicou a concelleira. «O proceso vai ser iniciado de inmediato e agardamos que nun prazo de tempo curto poidamos comezar a ver nas rúas as novas placas».

Doutra banda, a edil adiantou que nun futuro tamén serán mudadas as placas do resto da Boa Vila. Este proceso é máis complexo polo seu número —claramente maior—. Neste sentido, xa está en marcha un estudo técnico semellante ao xa realizado, para coñecer o estado e as necesidades destes elementos nas diferentes avenidas, rúas e prazas de Pontevedra. «Dentro deste estudo si que se contempla un criterio diferente ao do casco histórico, que pasará por manter as placas que se atopen en bo estado, engadindo só a novo logo do Concello o que permitirá homoxeneizar a imaxe corporativa nas placas e facelo cun investimento razoábel».

Ora ben, as placas en mal estado ou que contan cun deseño e material completamente diferente ao novo si serán substituídas. «O estilo de placa no resto da cidade será diferente ao do centro histórico, e contará cunha fundición de aluminio que xa se pode apreciar, por exemplo, na rúa Virxinia Pereira. É un proceso que levará máis tempo, obviamente, e dependerá aínda desde este estudo de campo para verificar o cambio».

Desde o Concello tamén se lembra que este cambio nas placas permitirá realizar todas as correccións detectadas ao longo destes anos no referido á toponimia e normalización.