O Ganapán ponse reposteiro e outonal cuns talleres nos que a rapazada aprenderá a preparar pan de pasas e noces, madalenas de castaña, alfaias de arxila e postais de outono

19
  • Os obradoiros impulsados pola Concellería de Promoción Económica e Turismo desenvolveranse no Gastroespazo do Mercado de Abastos o sábado 22 e o domingo 23 de outubro en horario de 11:30 a 13:30 horas

O programa de animación e lecer infantil O Ganapán, destinado a nenos e nenas de 4 a 10 anos, porase moi reposteiro e outonal esta fin de semana. Os rapaces que participen nas xornadas do sábado 22 e o domingo 23 nos talleres ofertados pola Concellería de Promoción Económica e Turismo terán ocasión de preparar un pan doce de pasas e noces, que está boísimo e aguanta tenro e esponxoso varios días, e unhas apetitosas madalenas de castañas coas que, nada máis enfornadas, o Mercado de Abastos arrecenderá a outono.


Asemade, a oferta de obradoiros que se desenvolverán no Gastroespazo inclúe unha actividade na que os máis pequenos poderán modelar pezas artesanais de xoiería (alfaias de arxila) e outra na que confeccionarán chulísimas postais que recrean as cores desta estación outonal. Tal e como explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “todos aqueles nenos e nenas interesados en participar deberán reservar praza previamente a través do email oganapan@gmail.com, indicando na mensaxe as posibles alerxias ou intolerancias”.


“Tanto o sábado como o domingo, os talleres desenvolveranse en horario de 11:30 a 13:30 horas. Recomendo a todo o mundo que porte a súa friameira para levar a casa as receitas cociñadas”, apunta a edil socialista.