Un Ganapán moi outonal propón receitas para os máis lambóns esta fin de semana: madalenas de coco e doce de leite e torta de Magosto

15
  • Os nenos e nenas participantes tamén poderán deseñar divertidas marionetas de dinosauro e coroas outonais

Coa baixada das temperaturas, o programa municipal O Ganapán comeza a poñerse cada vez máis outonal. A iniciativa impulsada no Gastroespazo do Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica e Turismo propón para esta fin de semana uns obradoiros que fascinarán aos nenos e nenas máis larpeiros, xa que neles poderán cociñar receitas tan deliciosas como unhas madalenas de coco e doce de leite (sábado 5 de novembro) e unha torta de castañas perfecta para celebrar a festa do Magosto (domingo 6 de novembro).


Asemade, os rapaces e rapazas de 4 a 10 anos que participen nas actividades poderán desfrutar duns talleres creativos nos que deseñarán unhas marionetas de dinosauro (sábado) e unhas vistosas coroas outonais (domingo). A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, lembra que “todos aqueles nenos que desexen participar nestes obradoiros, que se desenvolverán en horario de 11:30 a 13:30 horas, deberán inscribirse previamente a través do email oganapan@gmail.com, indicando no correo electrónico se teñen algunha alerxia ou intolerancia”. “Unha vez máis -apunta a edil do PSOE- recomendo vir coa friameira para levar a casa as receitas elaboradas”.