O calendario municipal homenaxea á Casa Consistorial que afronta a súa segunda gran reforma en 140 anos de historia

63

O calendario de mesa pódese coller de balde na Oficina de turismo situada no edificio Churruchaos ou no vestíbulo de entrada (por Rexistro) de Michelena, 30. Imprimíronse 15.000 exemplares.

Recorre a historia da Casa Consistorial dende os planos de Sesmero do antigo edificio que se derrubou para construír o actual ou a visita de Niceto Alcalá, até vistas aéreas actuais, pasando polo valeirado da praza de España para construír o estacionamento. 

Tamén inclúe ilustración e os novos achados descubertos a raíz da reforma que o edificio afronta na actualidade. 

O Concello de Pontevedra entregou esta mañá os primeiros exemplares do Calendario municipal 2023 que nesta edición teñen como temática a Casa Consistorial. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou hoxe que se trata dunha homenaxe ao Concello porque está en pleno proceso de reforma, a segunda máis importante dende a súa construción rematada en 1880.

Ao igual que en anos anteriores, é un calendario de mesa con estampas históricas, planos antigos, ilustracións e fotografías actuais que reviven a historia do edificio. Entre as imaxes antigas está a visita do presidente da República Niceto Alcalá Zamora á Casa Consistorial no ano 1934, unha imaxe da Casa Consistorial de 1920 da Heliotipia de Kalmayer y Gautier, ou o antigo salón de plenos cos seus teitos decorados dos anos 40-50.

Tamén se recollen ilustracións sobre a construcción do Concello en 1879 ou como era a escaleira de forxa que proxectou o arquitecto Sesmero para o edificio, retirada na reforma dos anos 40 con motivo da visita de Franco á cidade. 

Entre as curiosidades históricas tamén están os planos da “antiga casa do concello” levantados por Sesmero antes de derrubala para construír o actual edificio. Sorprendentemente, no arquivo municipal soamente se conservan estes planos pero non os orixinarios da Casa Consistorial actual.

Entre as imaxes máis actuais están lugares pouco coñecidos e frecuentados pola veciñanza como o cuarto no que aínda se gardan as caixas fortes que custodiaban os pagos en efectivo do Concello; o baixocuberta, a maquinaria do reloxo municipal que se pretende restaurar e pór en marcha na actual reforma; o lucernario e a campana situada sobre a cuberta de zinc; os panos pintados recentemente localizados nunha das paredes da planta superior do edificio ou distintas vistas aéreas da Casa Consistorial no contexto urbanístico da cidade.

O calendario municipal realizouse coa colaboración do Arquivo Municipal do Concello de Pontevedra e do Arquivo provincial da Deputación de Pontevedra, dos que son a maior parte dos fondos que nel aparecen.

Pódese recoller dende hoxe na Oficina de turismo municipal situada no edificio Churruchaos e tamén no vestíbulo de entrada no edificio administrativo de Michelena, 30. Fíxose unha tirada de 15.000 exemplares.

O calendario tamén se pode ver dixitalmente na páxina web municipal pontevedra.gal

Historia da Casa do Concello (información do Arquivo Municipal)

A orixe do Concello parte da concesión do foro por Fernando II de León e Galicia a Pontevedra en 1169; pode considerarse como o punto de partida da orixe da primitiva institución. As súas reunións realizaríanse nas casas particulares dos rexedores. Posteriormente, ao ser cedida a vila á mitra compostelá e realizada a construción das Torres Arcebispais, cara a 1224, é posible que as reunións do Concello se celebrasen neste edificio que, ao mesmo tempo, era sede do xuíz nomeado polo arcebispo. 

Durante os séculos XIV, XV e XVI as sesións celebráronse indistintamente nas igrexas de San Bartolomeu o Vello e de San Francisco. Porén, ao longo do século XVI o Concello tentou adquirir un edificio onde instalar o consistorio, pero parece que as iniciativas non levaron a ningún resultado.

En 1595, cando a vila se incorpora por un período curto de tempo ao reguengo, o Concello adquire a chamada Bastida Grande, torre defensiva da Porta de San Domingos, para transformala en casa consistorial. Constaba de tres plantas, apoiábase na muralla e situábase no lugar que hoxe ocupa a casa do concello. Este edificio funcionará como concello ata a súa demolición en 1877.

A finais do século XVI, na fachada, colocáronse as famosas lápidas coa referencia á fundación mítica da vila por Teucro. Cara a 1790 tentouse ampliar o consistorio; o proxecto consistía en derrubar unha casa situada entre o concello e a porta de San Domingos, ocupando un soar cunha interesante construción barroca que estaría destinada a albergar un arquivo notarial. Parece que a proposta foi aprobada pero non se chegou a realizar, quizais pola falta de fondos.

A comezos do século XIX a fachada do concello foi embelecida cun escudo e un reloxo con espadana para campás; o edificio constaba de dúas plantas. Na planta baixa situábanse a alfóndega, un patio, a portería e escaleiras. Na planta superior, o salón de sesións, pequenas oficinas, a secretaría e o arquivo.

Os problemas de espazo foron algo recorrente e a pesar dos parches realizados non chegaba para cubrir as necesidades dos distintos departamentos. Por iso en sesión do 4 de maio de 1875 acórdase a construción dunha nova casa do concello, solicitándolle ao arquitecto municipal plano e orzamento. Estes en principio realizaríaos Justino Flórez que era o arquitecto, pero en 1876 dimite do cargo e é elixido novo arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmero que se encarga deste proxecto. Logo de realizado, en 1877 dáse conta do remate da poxa para as obras de construción, que recae a favor de Manuel Codes. Comezadas as obras, prodúcese o peche de fachadas en 1879. Por fin, en agosto de 1880, procédese á acta de recepción do novo palacio municipal, e en 1881 prodúcese a liquidación definitiva das obras que ascende á cantidade de 245.000 pesetas.

O edificio componse de tres plantas (dúas na fachada principal e tres na traseira), ocupando o soar en que estaba situada a Bastida Grande pero ampliándoo cara a onde se derrubou a Porta de San Domingos. Tiña unha monumental escaleira de forxa; posteriormente substituída pola actual. Durante o século XX realizáronse diversas obras de reforma e acondicionamento: substitución do tellado de zinc, instalación da claraboia con vidreira etc.