O Entroido pontevedrés volve con toda a súa forza e troula ao longo dunha semana chea de actividades colectivas 

623
O programa festivo mestura ocio e cultura, incluíndo recuperación e divulgación de entroidos tradicionais, xunto coas citas propias da cidade, coma o velorio de Ravachol, as parodias ou o clásico concurso de Murgas 

A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou esta mañá de mércores a programación, xunto co cartaz oficial, do Entroido no que Pontevedra fará mergullo seguindo unha tradición que se move entre a festa, o ocio e a cultura. 

Esta nova edición do Entroido da Boa Vila chega como primeiro sen ningunha restrición como tal, á hora de poder celebralo nas rúas, nas prazas e nos locais de ocio desde o comezo da crise sanitaria provocada pola Covid-19 no ano 2020. «Chega unha das datas máis agardadas e fermosas para toda esa xente que goza da troula, o ocio e todo o que significa o Entroido», sinalou a concelleira. «É un Entroido realmente agardado, pois poderemos celebralo como ten que ser: achegándonos, gozando e padecendo cun sorriso as bromas propias destas datas».

Captura de pantalla 2023 02 08 a las 13.44.31
Parte do Programa do Entroido 2023.

Se ben o Entroido será celebrado como tal entre o 17 e o 25 de febreiro, Pontevedra vivirá xa un anticipo este sábado. O motivo non é outro que a continuación dese achegamento, promovido polo Concello de Pontevedra, de dar a coñecer entroidos tradicionais que se celebran noutros puntos do país, aproximando parte da súa riqueza etnográfica até a cidade. «O sábado 11, ás 17 horas, teremos o pasarrúas dos follateiros de Lobios, unha ollada cara unha zona onde aínda se mantén un forte entroido tradicional e teñen moito que ver con outras celebracións que se manteñen na comarca de Pontevedra».

Será o venres 17 o día que comece o Entroido como tal na cidade, coa recepción do alcalde a Urco, rei do Entroido, e que contará coa participación na lectura do pregón da agrupación Os do Pino, colectivo que desde hai anos colabora coa cidade, incluíndo tamén outras citas como a Feira Franca. 

Captura de pantalla 2023 02 08 a las 13.44.21
Parte do Programa do Entroido 2023.

O programa pode ser consultado ao completo na páxina web do Concello de Pontevedra. Doutra banda, unha das novidades deste ano, e trala reunión coas comparsas que participan no Desfile, foi acordado unha modificación no reparto das contías —o total será o mesmo— para que se equilibren os premios entre todas as participantes e «ningunha se marche co desgusto de non recibir premio». Haberá oito premios para oito comparsas participantes. «Son grupos que non teñen ningún respaldo económico, polo que todas as partes consideramos necesario facer esta modificación», sinalou a concelleira.

Desde o luns 20, o loro Ravachol, símbolo do Entroido pontevedrés, estará situado na recreación da botica de Perfecto Feijoo. «Estará alí durante todas as festas, pois pensamos que é bonito que durante a súa curta vida, poida ser visto por todos os veciños e veciñas», comentou Da Silva.

O concurso de Murgas volverá ser retransmitido por streaming para todo aquel que non poida acudir até o Pazo da Cultura e as Parodias volverán tomar as rúas e as prazas da cidade. O desembarco pirata adiantarase en horario un chisco, comezando ás 20 horas polas rúas da cidade, para favorecer que as familias que teñen que deitarse cedo poidan tamén gozar desta cita. 

Volvendo cos entroidos tradicionais, no Campo da Festa de Cabaleiro, o mércores 22, ás 16.30 horas, procederase coa Corrida da Rosca, unha celebración tradicional en Campañó, recuperada polos veciños e as veciñas desta parroquia. 

Os barrios e as asociacións de veciños tamén vivirán os seus entroidos particulares, como é o caso de Monte Porreiro, O Burgo ou a Pasarela da rúa 12 de novembro. 

Ademais, o programa deste ano recupera Santa Clara como un espazo divulgativo coas XI Xornadas sobre o Entroido de Galiza, promovidas en colaboración coa Sociedade Antropolóxica Galega. Desenvolveranse entre o venres 24 e o sábado 25 de febreiro, ambos os dous a partir das 18 horas e cunha entrada de balde, contando con presentacións de cadernos, conferencias e mesas redondas varias, coa participación de especialistas como Lorena Meis, Denise Justo, Marta Delgado, Xosé Manuel Seixas ou Felipe Castro. 

O cartel deste ano volveu ser obra, por segundo ano consecutivo, do artista e ilustrador pontevedrés Santiago Paredes, e amosa a un loro Ravachol interacturar co Rei Urco, dous símbolos clásicos e máis que coñecidos do Entroido local.