A nova área de lecer que Desenvolvemento Sostible está a construír a carón do Lérez avanza a paso de xigante

20
  • O socialista Iván Puentes mantivo esta mañá un encontro sobre o terreo co xefe de Operacións da empresa adxudicataria Vortex, Jaume Pellicer Collado, e mailo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, para detallar as vindeiras actuacións que se acometerán

A nova área de lecer que a Concellería de Desenvolvemento Sostible está a executar no parque Rosalía de Castro, a carón da ribeira do río Lérez que discorre polo Paseo de Rafael Areses, está a tomar forma a paso de xigante. Unha das pezas máis chamativas da zona de xogos tradicionais incluída no proxecto, o seu enorme castelo de madeira de robinia, xa sobresae na paisaxe deste contorno, e a empresa adxudicataria Vortex Estruturas Acuáticas SL apura nestes días a fase final deste espazo, antes de poñerse mans á obra coa nova zona de xogos de auga, a primeira da que disporá Pontevedra.

A boa marcha dos traballos foi supervisada esta mañá polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, nunha visita na que estivo acompañado polo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e o xefe de Operacións de Vortex, Jaume Pellicer Collado. Segundo apuntou Puentes, “as obras levan velocidade de cruceiro, polo que, se as condicións meteorolóxicas acompañan nestas semanas, estamos convencidos de que os pontevedreses poderemos desfrutar desta área de lecer única a partir da primavera”. “A reunión co responsable de Vortex -indicou o portavoz municipal do PSOE- serviu para analizar sobre o terreo algúns flecos relativos á conexión coa rede eléctrica e de auga, así como para coñecer os seguintes pasos que se van seguir”.

O primeiro parque de xogos de auga de Pontevedra estase a construír nunha parcela de 3.400 metros cadrados situada entre as pontes de Santiago e Os Tirantes cara á ribeira do río Lérez que discorre polo Paseo de Rafael Areses (entre as pontes de Santiago e Os Tirantes) e ocupará unha superficie de 225 metros cadrados. As obras, ás que o Concello destinou un orzamento de 309.929,80 euros, enmárcanse dentro da estratexia de renaturalización de ríos e espazos naturais e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, e traduciranse na creación dunha singular área de lecer dotada de chorros, difusores e elementos pensados para as familias e para nenos e nenas de tódalas idades, así como dunha zona de xogos tradicionais elaborados en madeira de robinia de 625 metros cadrados, ao estilo da existente no parque das Palmeiras, presidida polo enorme castelo e dotado de tres pórticos de bambáns variados, desde o bambán-cesto ata outros para nenos con diversidade funcional ou problemas de mobilidade (como un carrusel), e de elementos para escalar e adestrar o equilibrio e a coordinación, goridas, ventás con barrotes e un tobogán.

Tal e como explicou Iván Puentes, “entre as melloras ofertadas por Vortex no procedemento de adxudicación inclúense a instalación dun sistema tipo parkour con elementos de madeira semellantes aos do castelo (por valor de 26.500 euros) e o incremento das posibilidades de xogo con pórticos, columpios e cestos (valorados nuns 17.000 euros)”. “Á marxe do esixido no prego de condicións, tamén ofertou a renovación dos certificados de áreas de xogo, tanto dos xogos infantís como dos de auga”, engadiu o portavoz socialista.

A área de xogos de auga estará dotada dunha enorme cantidade de funcións de xogo, con diversos tipos de difusores, chorros e formas de auga (de elementos con texturas de auga suave a outros con maior caudal de auga, interactivos e con efectos visuais), que se distribuirán en tres áreas: unha zona de xogo en familia, unha para os máis pequenos e outra para nenos de máis idade. O novo parque disporá dun circuíto de auga ecolóxico, con activadores que permitirán activar a secuencia de auga dos xogos e que controlarán o consumo de auga, axudando a reducir o gasto innecesario.

Entre os elementos que se instalarán inclúense unhas Led Lights de cores vermello, verde, azul e branco cálido puro que crearán impresionantes efectos de iluminación e que estenderán as horas de uso; canóns Tube con rotación de 360º; un arco Spray Loop que xerará unha suave bruma de auga; uns soportes Helio 6, con seis chorros xiratorios para crear chaparróns refrescante, e Helio 3, con tres chorros para xerar unha nube de choiva; un xogo táctil para nenos Pico 2, con texturas únicas e un pivote acuático interactivo para iniciar ou deter o caudal de auga, e brazos Silhouette No1 cun cativante efecto de campá de auga.

A intervención prevé ademais unha mellora paisaxística de todo este contorno, con cores naturais perfectamente integrados na zona verde, novo mobiliario e espazos de confort e unha proposta enerxéticamente eficiente e sostible, coa instalación dunha chamativa iluminación con luminarias led de baixo consumo. O tratamento da auga do novo parque levarase a cabo mediante un sistema automático de depuración.