Bota a andar o XXIV Salón do Libro ‘Libros para xogar’ cun espectáculo cheo de música ao vivo, danza e contos

5

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores foi o encargado de dar a benvida
lembrando a Tonucci “Xogar é unha cousa moi seria e nesta edición o Salón vai dai máis xogo
que nunca con máis de 300 actividades e 4.000 títulos de literatura infantil e xuvenil”
María Lado e Lucía Aldao foron as encargadas de conducir a gala coa axuda de Orbil, a mascota
do Salón do Libro

O coro de A Xunqueira, a Escola de Danza Ballet de Galicia e a Chouque Big Band alternaron as
súas actuacións co recital de Diego Alejandro Ruiz e a contada de Carolina Rueda, ambos
chegados de Colombia para o Salón

Ao remate tivo lugar a tradicional apertura de portas do Salón onde tivo lugar unha visita libre na
que autoridades, pequenos e familias puideron gozar da ambientación e os libros

A concelleira Carme Fouces foi a encargada de dar a benvida ao público asistente e antes de dar
paso á intervención do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, quixo salientar o traballo realizado
dutante meses ata chegar a inaugurar a XXIV edición do Salón ‘Libros para xogar’ que terá lugar ata
o 7 de maio no Pazo da Cultura: “hai meses comezamos un camiño no que contamos co Iván R.
para o deseño do cartaz, logo instalamos a Orbil Parade, presentamos o programa e activamos a
reserva de prazas e a venda de entradas, onte inauguramos o V Congreso Interacional de
Mediación Lectora, hoxe recibimos a delegación colombiana e á fin estamos a inaugurar o Salón
que bota andar mañá cunha morea de actividades e a ruta do Rodalibros polas parroquias. Moito
traballo pero feito con moito agarrimo para os nenos e nenas. Agardamos que gocedes!!”
Miguel Anxo Fernández Lores quixo salientar no seu discurso a importancia do xogo como “motor
de desenvolvemento completo para nenos e nenas… e tamén para toda a sociedade. Xogando
aprendemos a relacionarnos, a vivir en comunicade e a seguir unhas normas. Maís tamén a sermos
libres, a desenvolvermos a imaxinación e a fantasía e a crearmos outros mundos posibles. Porque
como ben di Tonucci, o xogo é unha cousa moi seria. No xogo, coma nos libros, gozamos,
pensamos, aprendemos e emocionámonos.”

Logo de destacar a cantidade de actividades – obradoiros, contacontos, faladoiros, roteiros,
espectáculos – e oferta de libros das que cativada poderá gozar dentro do Salón e tamén nas
parroquias da man da Rodalibros, ou a colaboración coas Escolas Unesco, fixo alusión especial á
presiencia dos convidados chegados de Colombia “cos que tecemos redes e cruzamos pontes de
intercambio de saberes e experiencias. Colombia foi un exemplo de transformación social a partir
dos libros e da lectura, principalmente nos barrios máis desfavorecidos. Todo un modelo a seguir
de como a cultura pode mudar un contorno, afastar a violencia e contribuír a unha cidadanía máis
feliz. Estaríamos especialmente encantados que as familias colombianas que viven en Pontevedra
se acheguen ao Salón para estreitar lazos con Pontevedra e mostarlles o noso cariño”.
A continuación fixo alusión á importante labor “das persoas levan anos afortalando a Literatura, por
iso poñemos especial interese nas homenaxes aos autores que este ano volven ser excepcionais:
Manuel Lourenzo González, un dos fundadores do Salón, escritor, activista cultural e referente na
literatura xuvenil galega, será un deles, xunto coa ilustradora María Fe Quesada, das primeiras
mulleres galegas na ilustración. Nesta edición debémoslle unha lembranza e un agradecemento
moi especial a María Paz, que tantos anos nos acompañou coa súa creatividade e entusiasmo. A súa
pegada e a súa lembranza sempre quedará con nós.”

Pechou a súa intervención resumindo a oferta de actividades e convidando a todo o mundo a
gozar deste edición: “4000 libros, 300 actividades, Colombia, Escolas Unesco, Manuel Lourenzo,
Maria Fe Quesada, Congreso de mediación lectora, Rodalibros nas parroquias…e moitas cousas
máis que farán de Pontevedra a verdadeira capital da cultura. Agora toca brincar e xogar!! Que
arranque o espectáculo!.

María Lado e Lucía Aldao foron as encargadas de conducir a gala que tivo como fío condutor a
festa de aniversario de Orbil, a mascota do Salón do Libro. Como tada festa, non faltaron os
agasallos que viñeron en forma de música, cancións e bailes da man da Chouque Big Band, o coro
da Xunqueira con pezas como o Ta na solbici, O Xogo da carrasquiña, Para la guerra nada, etc e a
Escola de Danza do Ballet de Galicia. Cara o final do espectáculo tiveron lugar as intervencións da
delegación chegada de Colombia. Diego Alejandro Ruiz que recitou “Hechizo para deshechizarse”
de Irene Vasco e Carolina Rueda o conto tradicional “El niño y el sabio”.

Ao remate, tivo lugar a tradicional apertura de portas do Salón que deu paso a unha visita libre pola
Sala e o Recinto Feiral onde ao xogo está moi presente na ambientación e nas exposicións como a
do Museo Etnolúdico de Galicia, MELGA, “Xogos do mundo e o mundo dos xogos”, Xogos
populares de Galicia do Consello da Cultura Galega ou Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego,
Os traballos dos centros escolares de Pontevedra e parroquias pero tamén de Poio, Marín, Ponte
Caldelas ou Campo Lameiro, as exposicións dos autores homenaxeados, ‘Cousas de Libros’de
Manuel Lourenzo González ou ‘Gloria’ con ilustracións de Iván R. son outras das pezas que pode
descubrir o público que se achegue ao Salón ata o 7 de maio.