Botan a andar no Salón do Libro as actividades concertadas con centros de ensino logo dunha exitosa primeira fin de semana

1


Desde hoxe e ata o venres 5 de maio – con excepción do luns 1 festivo e o 2 non lectivo nos centros escolares de Pontevedra –  o Salón do Libro impartirá contacontos e obradoiros ou respresentacións teatrais para o alumnado de infantil e primaria.

Tamén terán lugar actividades destinadas a secundaria como o encontro de clubes de lectura celebrado hoxe con alumnado de secundaria dos IES Sánchez Cantón, Torrente Ballester, Xunqueira 1 e 2, Luis Seoane e IES de Poio

Estas actividades están destinadas aos máis de 30 centros colaboradores que realizaron traballos en formato libro, volumétrio ou audiovisual – actualmente expostos nas instalacións


Ao longo desta mañá preto de 600 nenos/as acudiron ao Pazo da Cultura para desenvolver diferentes actividades que o Salón imparte para premiar a implicación e o esforzo dos centros de ensino colaboradores que cada ano achegan os seus traballos para exponer na Sala.

Organizados en dúas quendas os CEIPS Pedro Antonio Cerviño (Campolameiro) Cordo Boullosa, (Ponte Caldelas), Sagrado Corazón de Placeres, Álvarez Limeses e Praza de Barcelos, participaron dos contacontos de Raquel Queizás, Migallas Teatro e a contadora colombiana Carolina Rueda onde puideron gozar con historias de tradición oral, animáis, coñecer mulleres como a pirata Mary Read, etc. Tamén dos diferentes obradoiros, da man da ilustradora Susana Suniaga, Curiosaurios, as rapazas de Vacío Cero e o mediador chegado desde Colombia, Diego Alejandro Ruiz que esta tarde ás 19h. estará na Libraría Paz na actividade para público xeral ‘Teñamos a poesía en Paz’. A ilustración e os referentes artísticos, a creación coa literatura e a poesía como inspiración, as historias habitadas ou o stop motion foron os protagonistas.

Ao remate das actividades e divididos en grupos, percorreron da man do monitorado do Salón todos os espazos e recunchos da Sala onde ademáis de facer uso dos xogos interactivos, coñeceron a obra dos autores homenaxeados María Fé Quesada e Manuel Lourenzo González, curiosidades sobre a cultura convidada, etc.

Nos próximos días repetirase esta dinámica para recibir aos miles de nenos/as dos centros colaboradores – principalmente de  Pontevedra e parroquias – pero tamén chegados de Ponte Caldelas, Campolameiro, Marín e Poio.

Hoxe tivo lugar tamén, o encontro dos clubes de lectura, onde 200 alumnos de eso e bacharelato do IES Torrente Ballester, Xunqueira1, Xuqueira 2, Sánchez Cantón, Luis Seoane e IES de Poio. Interactuaron con María Lado e Lucía Aldao e xogaron a responder preguntas sobre os diferentes libros que leran oa longo do curso – como “Os corpos invisibles de Emma Pedreira, “Contos por palabras” de Agustín Fernández Paz ou “A balada dos unicornios” de Ledicia Costas entre moitos outros –  levando libros como agasallo.