Pontenciencia enche de experimentos a Escola de Enxeñaría Forestal e achega coñecemento e innovación ao alumnado pontevedrés

52

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, achegou esta mañá ao Campus de Pontevedra para ver de primeira man os proxectos realizados polos escolares baixo o marco de ‘Ciencia no Cole’, que conta coa participación de dez centros da Boa Vila

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado de concelleiro de Educación, Tino Fernández, achegouse esta mañá até a Escola de Enxeñaría Foresta do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo para coñecer de primeira man os proxectos realizados polo alumnado da cidade dentro do marco da X edición de Pontenciencia.

Ao longo de dúas xornadas, o centro do campus pontevedrés será escenario dunha nova edición da Feira da Miniciencia, na que estudantes de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, así como familias, presentarán as investigacións que desenvolveron nos últimos meses no marco deste programa e que serán avaliadas por un comité integrado por investigadores e investigadoras de diferentes facultades e escolas.

«É unha fantástica idea, un programa xenial, que lles permite aos rapaces achegarse á ciencia e a innovación coa colaboración do profesorado e das familias», sinalou o rexedor. «Sempre é interesante ver como os experimentos que realizan parten dunha hipótese e rematan de xeito insospeitado en moitos casos».

Pontenciencia abriu o seu programa na mañá deste venres coa presentación dos proxectos desenvolvidos na categoría Ciencia no Cole, na que participan dez colexios da localidade, que presentarán un total de 15 investigacións. Concretamente, esta décima edición de Pontenciencia conta coa participación dos CEIP Santo André de Xeve, San Martiño, Froebel, Manuel Vidal Portela, Ponte Sampaio e A Xunqueira II, así como dos CRP Calasancio, Sagrado Corazón de Pontevedra e Sagrado Corazón de Praceres e do CEE Pontevedra.

A esta serie de investigacións súmanse outras 17, realizadas por alumnado dos IES A Xunqueira, Montecelo, Gonzalo Torrente Ballester e Valle Inclán, os CIFP A Xunqueira e Carlos Oroza, o CFEA Lourizán e o CPR Sagrado Corazón de Praceres. Os seus proxectos optarán aos Premios de Investigación Homenaxe á muller investigadora, nos que se outorgarán 300 euros aos cinco mellores proxectos, patrocinados polas empresas colaboradoras Marine Instruments, Setga, Viaqua, Cristalería Pontevedresa e Hifas da Terra. Por último, a presentación de investigacións completarase, na mañá do sábado, cos sete proxectos realizados na modalidade de Ciencia en Familia.