2.4000 escolares asistirán de balde a vindeira semana aos concertos didácticos de ‘O Entroido dos animais’ programados polo Concello da man da Sinfónica de Pontevedra

194


A actividade, concertada previamente con 27 centros de educación infantil, primaria e secundaria principalmente de Pontevedra e parroquias, terá lugar nas mañás dos días 7,8 e 9 de febreiro no Teatro Principal

Dada a boa resposta, cada xornada contará con quendas ás 10.30 e 12h.polo que haberá en total 6 pases. Cada un terá unha media de asistencia de 400 nenos/as por pase.

O espectáculo, con música ao vivo da Sinfónica de Pontevedra e contará con creacións audiovisuais en directo, con técnicas moi variadas, a cargo de Montse Piñeiro

O proxecto, vai acompañado dunha guía didáctica, interactiva, con actividades destinadas aos diferentes ciclos, coa que os centros asistentes levan semanas traballando.


Achegar a cativada á música e un dos principais obxectivos destes concertos didáctios que xa se levaran a cabo en anteriores ocasións, como o ano pasado, dentro do ciclo Mulleres e inspiración.

Veñen este ano cunha temática diferente, para dar a coñecer ao alumnado da cidade unha das pezas musicais infantís máis relevantes da historia da música: ‘O entroido dos animais’ de Saint Saëns.  O espectáculo, co seu reforzo audiovisual, traballará tamén a educación emocional.

Cada pase do concerto didáctico terá unha duración de 45 minutos máximo, tempo adecuado para a idade do alumnado. A través da historia dun pequeno animal, descoñecido para o público, que quere saber como é, trátase de facer chegar a idea de que cada un de nós é único e irrepetible, aínda que sexamos inquedos/as como os canguros ou sabios/as como as tartarugas. Este pequeno animal será un monicreque que axudará ao público a comprender trazos da personalidade a través dos seus amigos: os animais do Entroido. Estes animais aparecerán en escena a través das creacións audiovisuais en directo, con técnicas moi variadas, a cargo de Montse Piñeiro.

As EEI Crespo Rivas, Fina Casalderrey e o Vao, CEIPS como as Xuqueiras 1 e 2, Campolongo, Álvarez Limeses, Barcelos, o colexio San José e das parroquias como Marcón, San Martiño de Salcedo, Santo André de Xeve, Parada de Campañó, Vilaverde – Mourentes, San Benito de Lérez, o IES Valle Inclán, etc. serán algún dos centros que pasarán ao longo das mañás do mércores 7, xoves 8 e venres 9 de febreiro polo Teatro Principal de Pontevedra para gozar e aprender.

Sobre ‘O entroido dos animais’

A obra central do concerto (en francés, Le carnaval des animaux) é unha suite formada por 14 movementos composta polo francés Camille Saint Saëns. O entroido dos animais estreouse o martes de entroido de 1886, e o compositor apareceu disfrazado con nariz e barba postizas, xa que para el era unha obra a modo de parodia ou sátira, para ridiculizar a compositores e intérpretes da época. Interpretouna unha vez para o seu amigo Liszt e despois prohibiu a súa publicación e interpretación; a única peza que se puido interpretar foi “O Cisne”. Para este movemento, a bailarina Anna Paulova creou unha danza “A morte do cisne” pola que é moi recoñecida. Ata o seu falecemento, non volveu ser interpretada, e converteuse nunha das súas obras máis importantes.