Sete Falares, o encontro internacional de contadores de historias, regresa a Pontevedra do 2 ao 8 de xuño

94


O evento, que anunciará nas vindeiras semanas o seu programa completo, terá lugar en diferentes emprazamentos da cidade

O espectáculo inaugural ‘Tres vellas na romaría” o domingo 2 ás 20h. no Principal chegará da man de Celso Fernández Sanmartín, Quico Cadaval e Guti

As entradas para esta primera cita están xa á venda en Ataquilla.com a un prezo de 8€ (4€ para estudantes, persoas desempregadas e maiores de 65 anos)


A que será a 12ª edición do Encontro Internacional de Contadores de Historias Sete Falares, chegará a Pontevedra o domingo 2 de xuño. Ao longo de 7 xornadas, ata o 8 de xuño, unha escolla de contadoras e contadores  encherán os recunchos da nosa cidade.

O programa verá a luz nas próximas semanas pero a modo de adianto, xa están á venda en Ataquilla.com a un prezo de 8€ as entradas para o que será o espectáculo inaugural o día 8 ás 20h no Teatro Principal: Tres vellas na romaría da man de Celso Fernández Sanmartín, Quico Cadaval e José Luis Gutiérrez “Guti”.

Sinopse. Regresan as TRES VELLAS. En Tres vellas na romaría saímos do mundo do traballo e buscamos nas memorias das devanceiras os días gloriosos de romarías e festas, os bailes, os milagres, as devocións, os exorcismos, as empanadas e os melindres, o viño novo e a caña brava… As TRES VELLAS lían á cabeza os seus máis fermosos panos rameados, para saír a bailar as muiñeiras, xotas e bailes charros nos turreiros das festas. O repertorio componse de todo o que rodea o mundo estival das romarías: milagres, romances, ofrendas devotas, relatos humorísticos, un mundo no que se mistura a superstición e o festeiro escepticismo.

Unha viaxe equidistante aos tempos de “Deus é bo, mais o Demo non é malo”. Un repertorio no que se xuntan os xionllos esfolados das procesións cos pés encalecidos dos bailes. Parece un mundo esquecido, mais as TRES VELLAS regresan para contalo coa mesma frescura que se fose onte.

Celso Fdez. Sanmartín é narrador oral e recoñecido poeta. O seu libro “A cama do meu avó” é un dos seus últimos sucesos, convertido en performance en “Escenas do cambio”.

Guti é narrador, guia nativo e influencer. Publicou o libro “Cuaderno de últimas voces” e mantén un post diário en Facebook titulado “Besos matinales”

Quico Cadaval conta contos e dirixe teatro. Dirixiu “O Porco de Pé” e participa no último proxecto do CDG “Shakespeare en Roma”.