O Concello anuncia a preparación dunha modificación de crédito de carácter «eminentemente técnico» 

39
O edil de Economía e Facenda, Raimundo González, sinalou que quere crear un documento aberto, con aportacións das dúas forzas políticas da oposición, xerando consenso e unanimidade 

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, ofreceu esta mañá de venres, 10 de maio, unha rolda de prensa co obxecto de informar da preparación dunha modificación de crédito para o Concello de Pontevedra.

O edil quixo destacar desde o primeiro momento que esta non será unha modificación «ao uso» como as que foron aprobadas nos últimos anos, senón que terá un carácter «eminentemente técnico». González comentou que á hora de facer esta modificación teranse en conta tres criterios básicos: que os proxectos a incluír estean maduros —un proxecto de obra, por exemplo; unha memoria de subvención, ou unha sentencia—; no referido á finalidade, que sexan compromisos firmes xa adquiridos que precisen financiamento; e, por último, acordos plenarios aprobados por unanimidade

«Queremos facer unha modificación na que haxa consenso para as tres forzas políticas que integran a corporación», indicou o edil. «Eliminamos calquera vestixio de confrontación, calquera proxecto que poida significar conflito ou meterlle o dedo no ollo a outra forza política».

Porén, González destacou que non se está a traballar cun documento pechado, todo o contrario: é un documento aberto á espera das aportacións que realicen os dos grupos políticos da oposición (PSOE e PP). «Estas aportacións poderían ser tanto á hora de engadir como á hora de retirar algunha cuestión concreta porque lles parece que non hai consenso sobre a materia», explicou.

Que cousas en concreto ten previstas incluír na modificación o Concello de Pontevedra? As obras de emerxencia, por exemplo, tales coma o arranxo do pavillón de Marcón ou o arranxo da cuberta do edificio de Michelena 30 ou da Casa da Luz; ou as actuacións na gardería da Parda. Tamén aparecerían sentencias firmes como a expropiación a realizar na rúa Bibiano Fernández Osorio-Tafall, ou o pago por parte do Concello á Xunta de Galiza dos anos 21-22 polas garderías do Campus, Monte Porreiro e A Parda.

No referido aos acordos plenarios, están contempladas accións como a dotación dunha partida para as subvencións dos clubs deportivos da cidade. Tamén o acordo unánime de dotar de pavimento (ou renovar) a rúa das Pereiras; ou dotar de fondos á obra de Rosalía de Castro.

«Temos máis proposta, pero serán faladas cos outros dos grupos da oposición. Nomeei estas porque non creo que xeren ningún tipo de discordia», indicou o edil. «Calculamos que dos 22 millóns que temos de remanentes para poder utilizar, utilizaremos un 40 %, de xeito aproximado, uns 9,5 millóns de euros. Aínda quedarían 12 millóns e pico para vindeiras modificacións de crédito».