A rede Cidades que Caminham de Portugal visita Pontevedrapara «contaxiarse» da idea de non terlle medo aos cambios 

38
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, conversou e realizou unha visita coa delegación de máis de 30 técnicos en urbanismo que procuran, vendo o exemplo de Pontevedra, «mellorar a calidade de vida dos cidadáns portugueses» 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou esta mañá de mércores, 15 de maio, na recepción realizada aos preto de 30 técnicos pertencentes a distintas vilas portuguesas que conforman a rede Cidades que Caminham do país veciño, creada no ano 2022.

O rexedor da cidade do Lérez realizoulles unha presentación dos distintos elementos e dinámicas que fixeron e fan posíbel o modelo urbano de Pontevedra, ao tempo que contestou as diversas preguntas e cuestións que puxeron sobre a mesa os visitantes. Alén desta intervención no CITA, o alcalde realizou a continuación un paseo polo centro de cidade, para mostrar in situ algúns dos elementos comentados durante a súa exposición. 

«Eu estiven na creación da rede portuguesa hai un par de anos e síntome orgulloso de poder recibilos hoxe aquí, charlando e paseando por Pontevedra, ao tempo que achegamos ideas para o futuro», explicou Fernández Lores.

Pola súa banda, a presidenta da rede, Paula Teles, agradeceu o recibimento do alcalde pontevedrés, sinalando que Portugal «ten os mesmos problemas comúns» no referido ao futuro das cidades, a seguridade viaria e a xestión do espazo público. «Temos os mesmos desafíos, mais nós temos moito que traballar. Queremos que os nosos cidadáns teñan unha mellor calidade de vida ao igual que en Pontevedra, a través de todo o feito aquí na Galiza e contaxiarnos desa idea de que non podemos ter medo ao cambio»,